Artigos

FSM 2013: Declaración da Asemblea de Movementos Sociais

Nós, reunidas e reunidos na Asemblea de Movementos Sociais, realizada en Tunisia durante o FSM 2013, afirmamos a contribución fundamental dos pobos do Magreb-Mashreq (dende África do Norte até Medio Oriente) na construción da civilización humana.

Afirmamos que a descolonización dos pobos oprimidos é un gran reto para os movementos sociais do mundo enteiro.
No proceso do FSM, a Asemblea dos Movementos Sociais é o espazo onde nos reunimos en toda a nosa diversidade para xuntos construírmos axendas e loitas comúns contra o capitalismo, o patriarcado, o racismo e todo o tipo de discriminación e opresión. Temos construído unha historia e un traballo común que permitiu algúns adiantos, particularmente na América Latina, onde conseguimos trabar alianzas neoliberais e concretar alternativas para un desenvolvemento socialmente xusto e respeitador da natureza.

Xuntos, os pobos de todos os continentes conducen loitas para se oporen con grande enerxía á dominacióno do capital, agachada por tras da promesa do progreso económico e da aparente estabilidade política.

Agora, atopámonos nunha encrucillada onde as forzas conservadoras e retrógradas queren parar os procesos iniciados hai dous anos coa sublevación popular na rexión do Maghreb-Mashreq, que axudou a derrubar ditaduras e a afrontar o sistema neoliberal imposto sobre os pobos. Estas revoltas contaxiaron a todos os continentes do mundo, xerando procesos de indignación e de ocupación das prazas públicas.

Os pobos de todo o mundo sofren hoxe os efectos do agravamento dunha profunda crise do capitalismo, na cal os seus axentes (bancos, multinacionais, grupos mediáticos, institucións internacionais e gobernos cómplices do neoliberalismo) procuran potenciar os seus lucros á custa dunha política intervencionista e neocolonialista.

Guerras, ocupacións militares, tratados neoliberais de libre comercio e "medidas de austeridade" traducidas en paquetes económicos que privatizan os bens comúns e os  servizos públicos, cortan salarios, reducen dereitos, multiplican o desemprego, aumentan a sobrecarga das mulleres no traballo de asistencia e destrúen a natureza.

Estas políticas afectan máis intensamente aos países máis ricos do Norte, aumentan as migracións, os traslados forzados, os desafiuzamentos, o endebedamento, e as desigualdades sociais como en Grecia, Chipre, Portugal, Italia, Irlanda  e no Estado Español.

Elas reforzan o conservadorismo e o control sobre o corpo e a vida das mulleres. Alén diso, tentan impornos a "economía verde" como solución para a crise ambiental e alimentar, o que alén de agravar o problema, resulta na mercantilización, privatización e financiarización da vida e da natureza.

Denunciamos a intensificación da represión aos pobos en rebeldía, o asasinato dos liderados dos movementos sociais, a criminalización das nosas loitas e das nosas propostas.

Afirmamos que os pobos non deben continuar a pagar por esta crise sistémica e que non hai saída dentro do sistema capitalista!  Aquí en Tunisia, reafirmamos o noso compromiso coa construción dunha estratexia común para derrocar o capitalismo. Por iso, loitamos:

  • Contra as multinacionais e o sistema financeiro (o FMI, o BM e a OMC), principais axentes do sistema capitalista, que privatizan a vida, os servizos públicos, e os bens comúns, como o auga, o aire, a terra, as sementes, e os recursos minerais, promoven as guerras e violacións dos dereitos humanos. As multinacionais reproducen prácticas extrativistas insustentábeis para a vida, monopolizan as nosas terras e desenvolven alimentos transxénicos que nos tiran o dereito á alimentación e eliminan a biodiversidade.
  • Loitamos pola anulación da débeda ilexítima e odiosa que hoxe é instrumento de represión e asfixia económica e financeira dos pobos. Rexeitamos os tratados de libre comercio que as multinacionais nos impoñen e afirmamos que é posíbel construír unha integración doutro tipo, a partir do pobo e para os pobos, baseada na solidariedade e na libre circulación dos seres humanos.
  • Pola xustiza climática e a soberanía alimentar, porque sabemos que o quecemento global é resultado do sistema capitalista de produción, distribución e consumo. As multinacionais, as institucións financeiras internacionais e os gobernos ao seu servizo non queren reducir as súas emisións de gases de efecto de invernadoiro. Denunciamos a "economía verde" e rexeitamos todas as falsas solucións á crise climática como os agrocombustíbeis, os transxénicos, a xeoenxeñaría e os mecanismos de mercado de carbono, como REDD, que asoballan as poboacións empobrecidas co progreso, mentres lles privatizan e mercantilizan os bosques e territorios onde viviron miles de anos.
  • Defendemos a soberanía alimentar e a agricultura labrega, que é unha solución real para a crise alimentar e climática e significa tamén acceso á terra para a xente que a vive e a traballa. Por iso apelamos a unha gran mobilización para trabar o acaparamento de terras e apoiar as loitas campesiñas locais.
  • Contra a violencia cara as mulleres, que é exercida con regularidade nos territorios ocupados militarmente, mais tamén contra a violencia que sofren as mulleres cando son criminalizadas por participar activamente nas loitas sociais. Loitamos contra a violencia doméstica e sexual que é exercida sobre elas cando son consideradas como obxectos ou mercadorías, cando a soberanía sobre os seus corpos e a súa espiritualidade non é recoñecida. Loitamos contra o tráfico de mulleres, meniñas e meniños. Defendemos a diversidade sexual, o dereito a autodeterminación de xénero, e loitamos contra a homofobia e a violencia sexista.
  • Pola paz e contra a guerra, o colonialismo, as ocupacións e a militarización dos nosos territorios. Denunciamos o falso discurso en defensa dos dereitos humanos e da loita contra os integrismos, que moitas veces xustifica ocupacións militares por potencias imperialistas como en Haití, Libia, Malí e Siria.
  • Defendemos o dereito dos pobos á súa autodeterminación e á súa soberanía, como en Palestina, Sahara Occidental e o Kusrdistán.
  • Denunciamos a instalación de bases militares estranxeiras nos nosos territorios, utilizadas para fomentar conflitos, controlar e saquear os recursos naturais e promover ditaduras en varios países.
  • Loitamos pola liberdade de nos organizarmos en sindicatos, movementos sociais, asociacións e todas as outras formas de resistencia pacífica.
  • Imos afortalar as nosas ferramentas de solidariedade entre os pobos, como a iniciativa de boicot, desinvestimento e sancións para Israel e a loita contra a OTAN e pola eliminación de todas as armas nucleares.
  • Pola democratização dos medios de comunicación de masa e pola construción de medios alternativos, fundamentais para inverter a lóxica capitalista. 

Inspirados na historia das nosas loitas e na forza renovadora do pobo en rebeldía, a Asemblea dos Movementos Sociais convoca a todas e todos a desenvolveren accións coordinadas a nivel mundial nunha xornada mundial de mobilización (en data a definir).

Movementos sociais de todo o mundo, avancemos para a unidade a nivel mundial para derrotar o sistema capitalista!

Basta de explotación, basta de patriarcado, racismo e colonialismo! Viva a revolución!

Viva a loita de todos os pobos!

Bookmark and Share
Se queres contactar con Anova-Irmandade Nacionalista podes enviar unha mensaxe co seguinte FORMULARIO

Anova publica baixo a seguinte licenza Creative Commons:

Vostede está aquí: Home