Artigos

Anova ante o Día Mundial do Teatro

Un pobo sen Cultura é un pobo sen identidade. A falta de Identidade leva á perda da Conciencia. E esta perda desemboca nunha realidade: unha sociedade dócil e durmida.

27 de Marzo Día Mundial do Teatro

Hai agora un ano que vimos oíndo falar da Plataforma das Artes Escénicas. Hai un ano, porque daquela, os profesionais deste sector, tiveron que botarse á rúa para celebrar este día, xa que a Consellería de Cultura, lles denegou o uso do Salón Teatro para a devandita celebración. Unha vez máis os gobernantes quixeron expulsar os cómicos do lugar que lles pertence... E chegamos de novo á data fatídica e mesmo parece que no noso país non hai nada que celebrar.

O sector das Artes Escénicas e Musicais está a vivir unha grande crise motivada pola falta por parte do Goberno da Xunta de Galiza, das medidas necesarias para manter os compromisos adquiridos ó longo do tempo. A desidia dos representantes da Consellería de Cultura e Educación, encabezados polo seu Conselleiro, D. Xesús Vázquez, e polo Secretario Xeral de Cultura, D. Anxo Lourenzo, conducen á paralización deste importante eido cultural e co conseguinte perigo de desaparición da actividade cultural correspondente, que supón unha importante perda de postos de traballo e a imposibilidade de que o público galego poida acudir libremente ás programacións habituais ás que ten dereito ó longo e ancho da nosa nación.

Hai ben pouco, e a xeito de declaración de principios, asistimos ao nomeamento do director da AGADIC, D. Jacobo Sutil. Mesmo semellaba unha cerimonia para-teatral, con posta en escena de Xesús Vazquez, no papel principal Jacobo Sutil e Anxo Lorenzo no papel secundario, pero non se puido apurar de quen era escenografia con biblia e crucifixo. Que quererían contar ao pobo galego con este espectáculo? Que pretenden colocando neste cargo unha persoa da non se lle coñece ningunha relación coa cultura deste país?

Un pobo sen Cultura é un pobo sen identidade. A falta de Identidade leva á perda da Conciencia. E esta perda desemboca nunha realidade: unha sociedade dócil e durmida. A actuación dos responsables de Cultura da Xunta de Galiza non é accidental ou anecdótica, responde premeditadamente ó seu desexo de confundir Cultura con ocio e entretemento á hora dos recortes para deste xeito acabar co noso Patrimonio identitario: Lingua e Cultura, Cultura e Lingua.

Polo tanto, desde ANOVA-IRMANDADE NACIONALISTA, organización política claramente involucrada na defensa da Identidade Nacional Galega, manifestamos o noso total apoio ós representantes do sector nas súas reivindicación e esixencias de pór a máquina en marcha novamente e de elaborar un Plan Director que devolva a actividade ó seu normal desenvolvemento.


CULTURA CONTRA A MENTIRA
ANOVA-IRMANDADE NACIONALISTA
Galicia, Marzo de 2013

Bookmark and Share
Se queres contactar con Anova-Irmandade Nacionalista podes enviar unha mensaxe co seguinte FORMULARIO

Anova publica baixo a seguinte licenza Creative Commons:

Vostede está aquí: Home