Artigos

Calendario aprobado para a I Asemblea Nacional

A Coordinadora nacional aprobou na súa xuntanza do sábado 16 de marzo o calendario a seguir para a primeira asemblea nacional.

Este calendario aprobado na reunión da CN do 16-03-2013, está concibido prevendo prazos amplos que garantan un abondoso intercambio horizontal da información entre todos e todas as afiliadas e afiliados.

É pois moi importante que todas e todos contribuamos co espírito de consenso que practicamos na Asemblea Constituínte, ao máximo cumprimento dos prazos que nos marcamos.

I ASEMBLEA NACIONAL DE ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA

CALENDARIO:

ANOVA é froito dun proceso intenso de creación de abaixo cara arriba dunha organización política de novo tipo; o propio proceso de constitución de Asembleas Nacionalistas na primavera pasada que confluíron para celebrar unha asemblea constituínte desta organización asemblearia, horizontal, aberta ao pluralismo existente no nacionalismo de esquerda e ao servizo da maioría social, é indicativo da vontade política e do esforzo militante dos centos de persoas que participamos nel.

As definicións básicas, os principios políticos, os principio organizativos e máis algunhas estratexias vitais foron definidas con precisión na ANC do 14 de Xullo de 2012.

Hoxe, tras dun proceso de maduración, de práctica política e aprendizaxe urxente e acelerado, vemos a necesidade de novas concrecións, actualización de estratexias e medidas de reforzo organizativo que fan que encaremos esta 1ª Asemblea Ordinaria de ANOVA coa ilusión de termos completado un primeiro ciclo inicial, frutífero e que ten rebordado en moitos aspectos moitas das máis ambiciosas expectativas aló polo mes de xullo pasado.

Porque hoxe ANOVA é unha realidade que conta no País, que agarda de nós novas iniciativas como a que tivemos e que deu lugar á coalición Alternativa Galega de Esquerda, para facer fronte a unha situación socio-política tan crítica como a que estamos a padecer a xente do común, a maioría social que temo que apandar cos danos dunha crise económica e política como non se tiña visto dende moitas décadas. Estar á altura destas circunstancias e deste País é o repto fundamental dos traballos desta asemblea que convocamos.

MARZO:

1. A Coordinadora Nacional convoca a I AN na súa reunión do 2/03/2013.

  • Dende o día da convocatoria ábrese un prazo até o día 17 para que as asembleas e/ou as afiliadas e afiliados fagan as achegas para a tese organizativa e tese política.
  • Na asemblea poderá participar con voz e voto toda a afiliación dada de alta con anterioridade ao día 11 de maio e que estean ao corrente do pago das cotas.

2. O día 16 pola Coordinadora Nacional designarase unha comisión redactora que poderá funcionar en subcomisións e unha mesa para moderar a reunión non decisoria da Asemblea Nacional a celebrar o 21 de abril.

3. A comisión redactora disporá de 10 días para elaborar un primeiro rascuño de teses tendo en conta as achegas das asembleas e da afiliación. Este prazo rematará o día 27 de marzo, data na que se remitirá a toda a coordinadora nacional, as asembleas e ao conxunto da afiliación.

ABRIL:

4. Do 27 de marzo até ao 14 de abril, debate das teses nas asembleas e eventual presentación de emendas que sen excepción serán remitidas á comisión redactora.

5. Antes do 19 de abril a comisión redactora remitirá ás asembleas e a todas e todos os afiliados que dispoñan de enderezo de e-mail as teses con todas as emendas recibidas.

6. O día 21 de abril primeira reunión da I AN para debate. Esta sesión da AN será aberta e nela poderán participar tamén as persoas convidadas. Terá carácter deliberante.

Esta asemblea deliberante desenvolverase do seguinte xeito:

  1. Comezará ás 10 da mañá.
  2. Será moderada por unha mesa escollida pola Coordinadora Nacional na súa reunión do 16 de marzo.
  3. Poderá tomar a palabra na asemblea calquera persoa que o solicite persoalmente por escrito ante a mesa antes do inicio da sesión. A solicitude deberá indicar nome e apelidos da persoa que vai intervir e temática que vai tratar, en aras de ordenar o debate por bloques temáticos e repartir o tempo entre os oradores.

MAIO:

7. O día 5 de maio a comisión redactora remitirá aos membros da Coordinadora a proposta de teses para valoración e eventual aprobación na reunión do 11 de maio. Nesta mesma reunión da CN aprobarase a proposta de Regulamento da I AN.

8. O día 12 de maio remitirase ás asembleas e á afiliación que ten correo electrónico a proposta de teses aprobada pola CN.

9. Do 12 ao 20 de maio prazo para que calquera emendante que non considere recollidas as súas emendas nas teses aprobadas pola Coordinadora Nacional, comunique á comisión redactora no enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. que as mantén.

10. O 25 de maio a Coordinadora Nacional ditaminará as emendas vivas podendo propoñer transacción. Na mesma reunión aprobarase o Informe de Xestión.

XUÑO:

11. Até o 1 de xuño prazo de presentación de candidaturas no formato de listas abertas (listas completas, grupos de persoas ou persoas a título individual) sempre que sexan afiliadas/os de pleno dereito e coas cotas ao día.

12. O 8 e 9 de xuño reunirase a Asemblea Nacional con carácter decisorio.

  • O sábado 8 a sesión comezará ás 10:30 horas e adicarase á aprobación do Regulamento da Asemblea, ao debate en asemblea do informe de xestión da Coordinadora Nacional e ao debate das emendas vivas en grupos de traballo formados aleatoriamente entre as persoas asistentes, pasando de novo a debate en asemblea as que sexan aprobadas por maioría simple ao menos nun grupo de traballo.

13. Até o día 8 ás 10 da mañá prazo para subsanar erros e/ou modificar as candidaturas.

14. O domingo día 9

  • de 10:30 a 13:30, debate en pleno das teses e das emendas que tivesen pasado nalgún grupo de traballo.
  • de 15:30 a 17:30 elección da Coordinadora Nacional, reunión da CN para a designación da persoa Portavoz Nacional.
  • ás 18:30 clausura da I Asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista pola persoa Portavoz Nacional.

 

Baixa o calendario da PRIMEIRA ASEMBLEA DE ANOVA en pdf.
AQUÍ.

 

Bookmark and Share
Se queres contactar con Anova-Irmandade Nacionalista podes enviar unha mensaxe co seguinte FORMULARIO

Anova publica baixo a seguinte licenza Creative Commons:

Vostede está aquí: Home